NORMATIVA POLA QUE SE REGULAN OS
CONCURSOS DE ACCESO A CORPOS DE
FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS
(Aprobada en Consello de Goberno, 20-12-04)
Consonte ó establecido
no artigo 21 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela correspóndelle
ó Consello de Goberno aprobar un regulamento de persoal docente e investigador
no marco das bases que estableza o Claustro.
O Claustro na súa sesión
do día 2 de decembro de 2004 acordou, ó abeiro da Disposición Transitoria Décima
dos estatutos, que en tanto no se produzan as modificacións normativas
anunciadas polo Goberno, o Consello de Goberno aprobe unha normativa provisoria
para aqueles aspectos que precisan dunha regulación inmediata axustada ó
actual marco normativo.
Téndose comunicado á
Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria prazas dos corpos
de funcionarios docentes universitarios para o efecto de poñer en marcha o
proceso de habilitación nacional a que se refire o Real Decreto 774/2002, do 26
de xullo, cómpre establecer a regulación que permita convocar os
correspondentes concursos de acceso.
En consecuencia, procede
presentar ó Consello de Goberno a seguinte proposta de
Normativa pola que se regulan os
concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios:
TÍTULO
PRELIMINAR: DISPOSICIÓNS XERAIS
TÍTULO
I.
CONVOCATORIA DE CONCURSOS DE ACCESO
TÍTULO
II. ÓRGANOS
DE SELECCIÓN
TÍTULO
III.
CRITERIOS DE SELECCIÓN
TÍTULO
IV.
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
TÍTULO
V. PROPOSTA
DE PROVISIÓN E NOMEAMENTO
TÍTULO
VI.
RECLAMACIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL
DISPOSICIÓN
FINAL PRIMEIRA
DISPOSICIÓN
FINAL SEGUNDA
ANEXO.
BAREMO PARA A VALORACIÓN DE MÉRITOS NOS CONCURSOS DE ACCESO ÓS CORPOS DE
FUNCIONARIOS DOCENTES UNIVERSITARIOS
TÍTULO PRELIMINAR
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Ámbito de aplicación
Esta normativa ten por
obxecto regular os concursos de acceso e provisión de prazas de funcionarios
dos corpos docentes universitarios ós que fai referencia o artigo 56 da Lei Orgánica
6/2001, do 21 de decembro, de Universidades, o Capítulo III do Real Decreto
774/2002, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional
para o acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios e o réxime dos
concursos de acceso respectivos e o artigo 22 dos Estatutos da Universidade de
Santiago de Compostela.
Artigo 2. Principios xerais
1.
As convocatorias e os procedementos de selección
do persoal docente e investigador garantirán o acceso en condicións de
igualdade respectando en todo momento os principios constitucionais de mérito e
capacidade.
2.
A selección do persoal funcionario realizarase
consonte ó que dispoñen a Lei Orgánica
6/2001, o Real Decreto 774/2002, e os Estatutos da USC segundo a regulación
establecida na presente normativa.
3.
As referencias que para cada posto de traballo
poidan conter as convocatorias en relación coas obrigas docentes e de investigación a asumir polos
adxudicatarios non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un
dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitará a
competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e
investigadoras. Do mesmo xeito, a referencia ó centro no que deberá
desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer
actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia
Universidade, nin sequera no caso de que radique en localidade distinta.
Artigo 3. Cómputo de prazos
1.
Os prazos ós que fai referencia esta normativa
exprésanse en días que, consonte ó disposto no artigo 48.1º da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, serán hábiles, excluíndose do cómputo os
domingos e os declarados festivos. Entenderanse festivos para os efectos do
presente regulamento os festivos locais tanto de Santiago como de Lugo, ampliándose
en calquera caso en ámbolos campus o prazo establecido por un numero de dias
igual ó dos festivos existentes.
2.
Cando os prazos rematen nun día no que os
rexistros xerais da USC estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.
3.
Para o cómputo de prazos o mes de agosto será inhábil
a tódolos efectos.
TÍTULO I
CONVOCATORIA DE CONCURSOS DE ACCESO
Artigo 4. Comunicación ó Consello de Coordinación
Universitaria
1. A convocatoria de
concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios require
efectuar previamente comunicación á Secretaría Xeral do Consello de
Coordinación Universitaria para o efecto de poñer en marcha o proceso de
habilitación nacional.
2. O Consello de Goberno
proporá ó reitor a convocatoria de concursos de acceso a prazas de corpos
docentes universitarios, antes de resolverse o procedemento de habilitación ou
unha vez resolto este.
3. No primeiro suposto a
convocatoria deberá ter lugar a partir dos quince días seguintes a aquél no
que se publique no BOE a resolución convocando as probas de habilitación. No
segundo caso a convocatoria deberá efectuarse dentro dos vinte días seguintes
á publicación no BOE da relación de candidatos habilitados.
4. As prazas deberán
proverse en todo caso no prazo máximo de dous anos desde que foran comunicadas
ó Consello de Coordinación Universitaria, sempre que haxa concursantes a elas.
Artigo 5. Contido e publicidade
das convocatorias
1. A convocatoria de
concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios realizarase
mediante resolución reitoral, unha vez cumprido o trámite establecido no
apartado 1 do artigo 14 do Real Decreto 774/2002, e farase pública no Boletín
Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia.
2. Cando se trate de
prazas asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas dos corpos
docentes universitarios, a convocatoria dos concursos de acceso realizarase
conxuntamente por ámbalas dúas institucións e será asinada polo reitor da
Universidade, que será o responsable da súa execución.
3. As bases da
convocatoria deberán conter en todo caso:
a.
Número e características das prazas convocadas.
b.
Categoría do corpo ó que pertencen.
c.
Área de coñecemento e departamento ó que
corresponde cada unha das prazas.
d.
Potestativamente, a determinación das actividades docentes referidas a
unha materia troncal ou obrigatoria da área á que corresponda a praza obxecto
de concurso das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial
de primeiro e segundo ciclo na USC e das actividades investigadoras, que servirán
de referencia para a valoración das probas correspondentes e dos méritos
docentes e de investigación. En ausencia das anteditas especificacións as
valoracións realizaranse por referencia á área de coñecemento á que
corresponda a praza convocada. En calquera caso, as especificacións que se
recollan na convocatoria non poderán conlevar orientacións sobre a formación
dos concursantes.
e.
Localidade.
f.
Características das solicitudes e prazos para a
presentación destas.
g.
Composición do órgano de selección que resolverá
o concurso.
h.
Condicións ou requisitos que deban reunir os
aspirantes.
i.
Normas sobre presentación de documentos.
j.
Características, lugar, data e hora do acto de
presentación.
k.
Probas de que conste o proceso selectivo e relación de méritos que serán
tidos en conta na selección.
l.
Sistema de valoración de probas e méritos, sen
que se poida incluir ningún criterio que impida a participación no concurso
dun habilitado.
m. Lugar
ou medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións relativas ó
procedemento selectivo.
n.
Normas sobre nomeamentos.
o.
Duración máxima do proceso de selección sen que poidan transcorrer máis
de catro meses entre a publicación da convocatoria e a resolución do concurso.
4.
As bases das convocatorias atoparanse a disposición
de quen as solicite e expostas nos correspondentes taboleiros de anuncios da
Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo así como na páxina
web da Universidade.
TÍTULO II
ÓRGANOS DE SELECCIÓN
1. As comisións de
selección encargadas de resolver os concursos de acceso a corpos de
funcionarios docentes universitarios estarán formadas por cinco membros
titulares, con voz e voto, e os seus suplentes.
2. Poderán ser membros
destas comisións tódolos profesores do mesmo corpo ou superiores daquel para o
que se convoca a praza obxecto de concurso, sempre que reúnan os requisitos de
recoñecemento de actividade investigadora que, consonte ó artigo 6.2º do Real
Decreto 774/2002, son esixidos para formar parte das comisións xulgadoras das
probas de habilitación nacional.
3. Os membros das
comisions poderán estar en calquera das situacions administrativas ás que se
refire o Real Decreto 365/1995, do 10 de marzo, agás as de excedencia e
suspensión de funcions, todo isto con anterioridade á data de expiración do
prazo para a presentación de solicitudes de participación dos candidatos nas
probas correspondentes.
4.
Terán dereito preferente para integrar as comisións
de selección os profesores funcionarios da USC da área á que pertenza a praza
en concurso, podendo propoñerse profesorado doutra área afín da USC ou da
mesma área doutras Universidades no suposto de que na área da praza non
existise profesorado suficiente na USC para a conformación da comisión. En
calquera caso, a maioría dos membros da comisión deben ser da área á que
corresponda praza.
5. A designación dos
membros das comisións de selección, así como do seu presidente e secretario
de entre estes, corresponde ó Consello de Goberno da USC trala proposta do
Consello de Departamento. Os nomeamentos, que serán efectuados polo reitor, son
irrenunciables salvo cando concorra causa xustificada que impida a súa actuación
como membro dela.
6. No caso das comisións
encargadas de resolver os concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes
universitarios para ocupar prazas asistenciais de institucións sanitarias
vinculadas a prazas docentes dos corpos mencionados, dous dos seus membros teñen
que ser doutores e estar en posesión do título de especialista que se esixa
como requisito para concursar á praza. A súa elección levarase a cabo
mediante sorteo público pola institución sanitaria correspondente sendo
elixibles tódolos doutores que figuren no censo público que con carácter
anual se comunicará ó Consello de Coordinación Universitaria. O requisito de
estar en posesión do título de doutor non será esixible cando se trate de
prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias.
7. A participación nas
comisións de selección dará dereito ás percepcións económicas que se
determinen.
TÍTULO III
CRITERIOS DE SELECCIÓN
Artigo 7. Criterios xerais de
selección
1. Os procedementos de
selección deberán valorar a adecuación de cada candidato ás tarefas docentes
e investigadoras propias da praza obxecto de concurso.
2. Nos concursos para o
acceso a prazas de Catedrático de Universidade, Profesor Titular de
Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias valorarase a actividade
investigadora desenvolvida, a experiencia en dirección de equipos de
investigación, a experiencia docente e participación en actividades de
innovación pedagóxica, a participación na vida universitaria a través de
labores de xestión e de difusión da cultura universitaria, así como o coñecemento
da lingua propia da USC.
3. Nos concursos para o
acceso a prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias valoraranse
preferentemente a actividade docente dos candidatos e a participación en
actividades de innovación pedagóxica. Tamén se valorará a experiencia
investigadora, a participación na
vida universitaria a través de labores de xestión e de difusión da cultura
universitaria, así como o coñecemento da lingua propia da USC.
4. As
comisións determinarán e farán publicos os criterios específicos de valoración
en función das características das prazas e das actividades docentes e
investigadoras que figuren na convocatoria. Nas prazas que pertenzan a áreas de
coñecemento de carácter clínico-asistencial, as comisións incluirán
criterios de valoración de méritos asistenciais. En todo caso deberán
respectar as proporcións que se determinan no Anexo
a esta normativa para a valoración de cada categoría de méritos.
TÍTULO IV
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
Artigo 8. Presentación de solicitudes e admisión de
candidaturas
1. As solicitudes para a
participación nos concursos de acceso dirixiranse ó reitor no prazo de quince
días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da
convocatoria no BOE.
2. As solicitudes
presentaranse nos rexistros xerais da Universidade ou por calquera dos medios
previstos no artigo 38 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. Os candidatos deberán
presentar xunto coa solicitude a documentación acreditativa de reunir os
requisitos para a participación que se establezan na convocatoria e o
xustificante de ter liquidado as taxas correspondentes.
4. O cumprimento dos
requisitos para participar nos concursos irá sempre referido á data límite de
presentación de solicitudes.
1. Para ser admitido ós concursos serán
requisitos necesarios:
a.
Ser maior de idade e non superar a idade de
xubilación normativamente establecida.
b.
Non ter
sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera
administración pública española, da Unión Europea ou do Estado do que teña
nacionalidade a persoa concursante.
c.
Non padecer enfermidade ou discapacidade física ou
psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.
d.
Estar en posesión da habilitación pertinente para o corpo e área de
que se trate, consonte ó establecido no Real Decreto 774/2002. Para concursar
ás prazas de corpos docentes vinculadas a prazas asistenciais de institucións
sanitarias, os concursantes habilitados deberán estar en posesión do título
oficial de especialista que corresponda á praza.
Consonte
ó disposto no artigo 63 da LOU, consideraranse habilitados para poder
participar nos concursos de acceso, ademáis dos habilitados para o corpo e
praza de que se trate, os funcionarios do devandito corpo e os dos corpos
docentes universitarios de igual ou superior categoria, con independencia da súa
situación administrativa.
e.
No caso de estranxeiros que pretendan acceder á
función pública, de acordo coa lexislación aplicable será requisito para
poder concursar o coñecemento, debidamente acreditado, de calquera das linguas
oficiais da USC. No caso de que non se acredite documentalmente o coñecemento,
este verificarase pola comisión encargada de resolver o concurso no transcurso
das probas.
2. Para o efecto de
participar nos concursos de acceso a corpos de funcionarios docentes
universitarios, consonte ó disposto no artigo 89 e a disposición adicional undécima
da Lei Orgánica 6/2001, os nacionais de estados membros da Unión Europea terán
o mesmo tratamento que os nacionais españois. Este mesmo criterio serán de
aplicación:
a.
Ós nacionais daqueles Estados ós que, en virtude
de Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España,
lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos nos
que esta se atopa definida no Tratado constitutivo da Unión Europea.
b.
Ó cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión
Europea, sempre que non se atopen separados de dereito, así como ós seus
descendentes e ós do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e
sexan menores de 21 anos ou maiores desta idade e vivan ás súas expensas.
c.
Esta última extensión do beneficio será
igualmente aplicable ós nacionais de terceiros Estados non membros da Unión
Europea cando así se prevea nos Tratados Internacionais celebrados pola Unión
Europea e ratificados por España.
4.
Os habilitados que sexan nacionais doutros Estados
non membros da Unión Europea poderán tomar parte nos concursos de acceso e, de
ser o caso, acceder á funcion publica cando o Estado da súa nacionalidade recoñeza
aptitude legal ós españois para ocupar na docencia universitaria posicións análogas
ás dos funcionarios docentes na Universidade española.
Artigo 10. Documentación para a admisión ó concurso e
momento de presentación
1. As persoas interesadas
en tomar parte nun concurso de acceso deberán presentar dentro do prazo de
presentación de instancias que se estableza na convocatoria, a seguinte
documentación:
a.
Instancia conforme ó modelo establecido pola
Universidade de Santiago de Compostela.
b.
Acreditación dos requisitos específicos segundo o tipo de praza.
c.
Xustificante do pagamento da cantidade establecida
como dereitos de exame.
2. Non acreditar os
requisitos anteriores será causa de exclusión, podendo subsanarse no prazo que
se establece no párrafo 3 do artigo seguinte.
Artigo 11. Lista provisoria de
admitidos e excluídos
1. No prazo máximo de
quince días desde o remate do prazo para a presentación de solicitudes, a
Vicerreitoría competente en materia de profesorado publicará unha resolución
aprobando a lista provisoria de admitidos e excluídos, con indicación das
causas de exclusión.
2. Esta lista publicarase
nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do
Campus de Lugo e difundirase a través de páxina web da Universidade, debendo
constar nela a data da súa inserción nos taboleiros.
3. Os aspirantes excluídos
disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da
publicación no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, para poder
subsanar o defecto que motivou a exclusión ou omisión das relacións de
admitidos e excluídos. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non
subsanen o motivo da exclusión ou aleguen fronte á omisión producida,
xustificando o seu dereito a ser incluídos, serán definitivamente excluídos
do proceso selectivo.
Artigo 12. Lista definitiva de
admitidos e excluídos
1. Unha vez rematado o
prazo para emendar os defectos causantes das exclusións, a antedita Vicerreitoría
dictará no prazo máximo de quince días unha nova resolución aprobando a
lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, coa indicación das
causas de exclusión.
2. Esta resolución, que
será obxecto de publicación polo mesmo procedemento que a lista provisoria,
esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos
oportunos.
Artigo 13. Constitución das
comisións de selección
1. As comisións de
selección constituiranse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte
á data de publicación no BOE da correspondente convocatoria. O presidente,
logo de consultar cos restantes membros, convocará ós titulares e, de ser o
caso, ós suplentes, para proceder ó acto de constitución da Comisión, con
indicación do lugar e a data nos que terá lugar, tendo en conta a data de
presentación dos candidatos que consta na convocatoria.
2. A válida constitución
da comisión esixirá a presencia de todolos seus membros. Os membros titulares
que non asistiran ó acto de constitución serán substuidos polos seus
suplentes. En caso de que tampouco asista o suplente correspondente a substitución
producirase por orde correlativa entre o resto dos suplentes.
3. Unha vez constituída
a comisión, en caso de ausencia do presidente, este será substituído polo
vocal de maior categoría e antigüidade. O secretario substituirase, de ser o
caso, polo vocal de menor categoría e antigüidade. A válida actuación da
comisión requerirá a participación de alomenos tres dos seus membros, agás
no caso das comisións encargadas de resolver os concursos para ocupar prazas
asistenciais de institucións sanitarias vinculadas a prazas docentes que
requerirán a presencia de catro dos seus membros, sendo alomenos un deles
elixido polo procedemento sinalado no artigo 6.6.
4. No acto de constitución,
e antes da presentación dos candidatos, a comisión de selección, aprobará e
publicará os criterios de selección ós que se fai referencia no artigo 7, de
acordo co precisado nel.
5. Así mesmo, o
presidente convocará a tódolos candidatos admitidos para a realización do
acto de presentación na data, lugar e hora establecidos na convocatoria.
6.
Estas comisións, en canto órganos de selección
de persoal, gozarán de autonomía funcional e estarán facultadas para resolver
as cuestións non previstas nas respectivas bases da convocatoria. En todo o que
non estea expresamente determinado nesta normativa é de aplicación á actuación
destas comisións a regulación da Comunidade Autónoma de Galicia en relación
cos órganos colexiados así como as disposicións que poida dictar a USC no
exercicio da súa autonomía. Para o efecto de impugnación das súas decisións
considéranse dependentes do reitor, órgano que efectúa o nomeamento dos seus
membros.
Artigo 14. Presentación de
candidatos
1. O acto de presentación
será público e no transcurso deste os candidatos entregarán ó presidente da
comisión de selección cinco exemplares do seu historial académico, docente,
investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial, xunto cun
exemplar das publicacións e documentos acreditativos dos seus méritos.
2. Os aspirantes entregaránlle
tamén ó presidente cinco exemplares dunha guía docente da materia ou materias que se determinen na
convocatoria ou, no seu defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita
á área das que se cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de
primeiro e segundo ciclo na USC e, de ser o caso, do proxecto investigador a desenvolver no caso de lle ser outorgada a
praza.
A guía docente terá como máximo unha extensión de vintecinco páxinas
en tamaño DIN A4 a dobre espacio e deberá facer referencia, como mínimo, ós
seguintes aspectos:
–
Datos descritivos da materia
–
Sentido da materia no plan de estudios
–
Obxectivos:
Competencias, destrezas e habilidades que debe acadar o estudante
–
Desenvolvemento do temario teórico e práctico
–
Bibliografía recomendada
–
Metodoloxía e recursos necesarios
–
Sistema de avaliación da aprendizaje
–
Outras informacións de
interese.
O proxecto investigador terá como máximo unha extensión de cinco páxinas
en tamaño DIN A4 a dobre espacio e nel recollerase un resumo das liñas de
investigación a desenvolver polo candidato no caso de lle ser outorgada a praza.
3. No acto de presentación
a Comisión indicará a data, lugar e hora de realización das probas ás que se
refire o artigo seguinte, así como, no caso de que haxa máis dun aspirante, a
orde de intervención dos candidatos establecida por sorteo. As probas deberán
comezar no prazo máximo de dez días desde a presentación.
4. O secretario da comisión
garantirá que a documentación entregada polos concursantes poida ser
consultada por tódolos candidatos presentados antes do inicio das probas.
Artigo 15. Realización das probas
1. Os concursos de acceso
constarán dunha única proba, que será pública e consistirá no seguinte:
a.
Para prazas de Catedrático de Universidade,
Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias,
exposición oral e debate coa comisión de:
–
Os méritos e historial académico, docente,
investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial do candidato.
–
A guía
docente da materia ou materias que se determinen na convocatoria ou, no seu
defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita á área das que se
cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo
ciclo na USC.
–
O proxecto investigador a desenvolver no
caso de lle ser outorgada a praza.
b.
Para prazas de Profesor Titular de Escolas
Universitarias, exposición oral e debate coa comisión de:
–
Os méritos e historial académico, docente,
investigador, de xestión e, de ser o caso, sanitario-asistencial do candidato.
–
A guía
docente da materia ou materias que se determinen na convocatoria ou, no seu
defecto, dunha materia troncal ou obligatoria adscrita á área das que se
cursen para a obtención de títulos de carácter oficial de primeiro e segundo
ciclo na USC.
No caso de que exista un
único aspirante a Comisión, despois de analizar a documentación presentada
por este, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación
da proba, poderá eximilo da exposición oral e posterior debate, procedendo
directamente a realizar a proposta de provisión correspondente.
2. A exposición non
poderá exceder de noventa minutos nas prazas de Catedrático de Universidade,
Profesor Titular de Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias e de
sesenta minutos nas prazas de Profesor Titular de Escolas Universitarias.
3.
Seguidamente a Comisión debaterá co candidato sobre os méritos e historial,
guía docente e, de ser o caso, proxecto investigador expostos por este, durante
un tempo máximo de duas horas.
4. Rematadas as probas, cada membro da comisión emitirá un
informe razoado e axustado ós criterios de valoración previamente fixados en
relación cos méritos e historial, guía docente e, de ser o caso, proxecto
investigador de cada candidato.
5. De acordo con estes
informes, a comisión elaborará unha proposta de provisión que deberá ser
aprobada por, alomenos, tres votos a favor. No caso das prazas vinculadas
requiriranse catro votos. Os membros da comisión que voten en contra da
proposta maioritaria terán que facer constar a motivación do seu voto.
6. A proposta incluirá
unha relación de tódolos candidatos que sexan considerados aptos para ocupar a
praza por orden de preferencia para o nomeamento polo reitor.
TÍTULO V
PROPOSTA DE PROVISIÓN E
NOMEAMENTO
Artigo 16. Proposta
1. Nun prazo máximo de
cinco días desde o seguinte á finalización das probas farase pública no
taboleiro de anuncios do centro no que actúe a comisión de selección a
proposta motivada e vinculante de nomeamento para a provisión da praza, con
expresión de tódolos candidatos propostos por orden de preferencia. Esta
proposta será formalizada no modelo normalizado de acta que proverá a
Vicerreitoría competente en materia de profesorado, facendo constar os
mecanismos de impugnación que poidan utilizar os interesados. A proposta
permanecerá exposta, alomenos, ata a expiración do prazo para interpor os
correspondentes recursos.
2. Unha vez publicada, a
proposta será entregada polo presidente da comisión de selección ou, de ser o
caso, polo secretario á Secretaría Xeral xunto coas actas e informes que compoñen
o expediente, un exemplar da documentación aportada por cada
candidato coa xustificación documental correspondente e a certificación do
secretario da comisión na que se faga constar a data de publicación no
taboleiro do centro.
3. Rematado
o procedemento, a documentación dos concursantes quedará ó seu dispor
na Secretaría Xeral de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de
interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada
sexa firme, sen prexuízo de que os interesados poidan realizar copia da
documentación para outros efectos.
Transcurridos seis meses
desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a
resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non fora retirada
será destruída.
Artigo 17. Nomeamento
1. No prazo máximo de
vinte días a contar desde o seguinte ó de publicación da proposta de
nomeamento o candidato proposto en primeiro lugar pola comisión de selección
ten que acreditar o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 15 do Real
Decreto 774/2002 e os requisitos xerais para o acceso á función pública de
acordo coa lexislación aplicable. Unha vez efectuada esta acreditación o
reitor procederá ó seu nomeamento.
2. No caso de que o
primeiro candidato proposto non acredite en tempo e forma os extremos sinalados
no párrafo anterior o reitor procederá, de xeito sucesivo, ó nomeamento dos
seguintes candidatos propostos segundo a orde establecida pola comisión de
selección, logo da acreditación
por estes dos mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.
3. Os nomeamentos, que
especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento
e o corpo ó que pertence, serán publicados no Boletín Oficial do Estado e no
Diario Oficial de Galicia e comunicados ós rexistros correspondentes para o
efecto do outorgamento do número de Rexistro de Persoal e de inscrición no
corpo respectivo, así como á Secretaría Xeral do Consello de Coordinación
Universitaria.
4.
No prazo de vinte días a contar desde o seguinte
ó de publicación do nomeamento no Boletín Oficial do Estado o candidato
nomeado deberá tomar posesión da praza, momento no que adquirirá a condición
de funcionario do corpo docente de que se trate.
TÍTULO VI
RECLAMACIÓNS
Artigo 18. Comisión de Reclamacións
1. No prazo de dez días
a contar desde o seguinte ó de publicación da proposta de provisión, os
candidatos poderán presentar unha reclamación ante o reitor. Admitida a trámite
a reclamación suspenderanse os nomeamentos ata a súa resolución definitiva.
2. As reclamacións
tramitaranse de conformidade coas previsións específicas contidas neste
regulamento e co disposto no Capítulo II do título VII da Lei 30/1992 en
relación coa revisión de actos en vía administrativa.
3. A reclamación será
valorada por unha Comisión de Reclamacións que estará formada por sete Catedráticos
de Universidade de diversas áreas de coñecemento elixidos polo Claustro. Esta
comisión será presidida polo catedrático máis antiguo, actuando como
secretario o de menor antigüidade.
4. A Comisión de
Reclamacións examinará o expediente relativo ó concurso, nos seus aspectos
procedimentais e de fondo, na garantía do
respecto ós principios de igualdade de oportunidades dos candidatos en
relación co procedemento seguido e de mérito e capacidade destes, sen que a
actuación desta comisión poida substituir valoracións de fondo sobre a
idoneidade dos aspirantes para as prazas convocadas.
5. No desenvolvemento da
súa función de exame, a Comisión de Reclamacións deberá oir ós membros da
comisión de selección e ós candidatos que participaran nas probas. Así
mesmo, poderá recabar informes de especialistas de recoñecido prestixio nas
materias de que se trate.
6. No prazo de tres meses
desde que se teña presentado a reclamación esta Comisión ratificará ou non a
proposta reclamada debendo, neste último suposto, retrotraerse o procedemento
ata o momento no que se produciu o vicio, caso no que a comisión de selección
deberá dictar unha nova proposta motivada.
7. Os acordos da Comisión
de Reclamacións, salvo manifesta ilegalidade, serán vinculantes para o reitor
quen, de ser o caso, procederá ó nomeamento segundo o disposto no artigo 22.
Esta resolución reitoral esgota a vía administrativa quedando expedita a vía
contencioso-administrativa.
Para a deteminación da
composición das comisións de selección a que se refire o artigo 6.4 será de
aplicación a táboa de afinidades entre áreas de coñecemento que rexe na USC
para a selección do profesorado interino e contratado.
Disposición final primeira
Facúltase ó reitor para
dictar as instruccións que sexan necesarias para a interpretación e aplicación
desta normativa.
Disposición final segunda
A presente normativa
entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación polo Consello de
Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.
As
comisions de selección determinarán os criterios para a valoracion dos meritos
e historial dos candidatos de acordo co especificado no artigo 7.4,
respectando en todo caso as seguintes proporcións en cada categoría de
méritos e tendo en conta que a suma das porcentaxes deberá ser 100:
Prazas de Catedrático de
Universidade, Profesor Titular de
Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias
Traxectoria
de investigación -------------------------------entre 45% e 55%
Docencia
universitaria -------------------------------------entre 25% e 35%
Outros
méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
-
Participación na xestión académica e na difusión
da cultura universitaria
-
Coñecemento da lingua propia da USC
-
Outros
Traxectoria
de investigación -------------------------------entre 25% e 35%
Docencia
universitaria -------------------------------------entre 45% e 55%
Outros
méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
-
Participación na xestión académica e na difusión
da cultura universitaria
-
Coñecemento da lingua propia da USC
-
Outros
No caso de
prazas de corpos de funcionarios docentes universitarios vinculadas a prazas
asistenciais de institucións sanitarias, os criterios que fixen as comisións
de selección terán en conta o especificado no artigo 7.4, respectarán en todo
caso as seguintes proporcións en cada categoría de méritos coidando que a
suma das porcentaxes sexa 100:
Prazas de Catedrático de
Universidade, Profesor Titular de
Universidade e Catedrático de Escolas Universitarias
Traxectoria
de investigación -------------------------------entre 40% e 50%
Docencia
universitaria -------------------------------------entre 20% e 30%
Experiencia
asistencial-------------------------------------entre 15% e 25%
Outros
méritos relevantes para a praza---------------------entre 10% e 20%
-
Participación na xestión académica e na difusión
da cultura universitaria
-
Coñecemento da lingua propia da USC
-
Outros
Traxectoria
de investigación ------------------------------entre 20% e 30%
Docencia
universitaria ------------------------------------entre 40% e 50%
Experiencia
asistencial-------------------------------------entre 15% e 25%
Outros
méritos relevantes para a praza--------------------entre 10% e 20%
-
Participación na xestión académica e na difusión
da cultura universitaria
-
Coñecemento da lingua propia da USC
-
Outros